Publicacións

PINTURAS CON PALABRAS

Imaxe
  En 1º de ESO A e C aprendemos que  o texto descritivo é, verdadeiramente, unha pintura pero con palabras.  E, que mellor práctica creativa que achegármonos ás máis importantes creacións pictóricas para escribir as nosas subxectivas pinturas con palabras. Velaquí vos deixamos unha escolma brevísima pois nos derradeiros días lectivos o interese xa non era o mesmo e o cansancio pesaba moito... Na imaxe elixida admiras "La dama del armiño" pintada por Leonardo da Vinci e que, logo, nos describe Sofía Darroza Villar.

GREGUERÍAS DE 4º DE ESO

Imaxe
  Logo de ter estudado as vangardas, que mellor obradoiro que converternos en autores e autoras de greguerías. O noso modelo indiscutible foi o xenial escritor madrileño Ramón Gómez de la Serna, prolífico autor que definiu as súas chispeantes creacións como suma de metáfora e humorismo. Pois ben, o alumnado de 4º ESO A e C convida a ler e a disfrutar das súas brillantes greguerías. O retrato de Gómez de la Serna pertence ao pintor mexicano Diego de Rivera, quen en 1915 así o retratou desde os postulados cubistas.

ORATORIA VI

Imaxe
Co alumnado de Oratoria en 2º de ESO eliximos como broche final de curso unha actividade teatral: o "kamishibai". Aproveitamos o "butai" (o teatriño de madeira) pero cambiamos bastante a dinámica orixinal deste "teatro de papel": os "gaito kamishibaiya" eran varios e varias, non só un único actor; as imaxes das láminas contaban tanto como a linguaxe non verbal. As catro actrices consumadas que podes ver no seguinte vídeo triunfaron sobradamente pola súa orixinalidade e polo entusiasmo cos que crearon a súa persoal interpretación de "O gato con botas".  

HAIKUS DE 4º DE ESO

Imaxe
As derradeiras semanas do curso son idóneas para dar renda solta á creatividade e para abrir tempos e espazos que permitan desconectar entre proba e proba avaliadora. Os obradoiros elixidos nesta ocasión nos tres grupos de 4º de ESO xiraron arredor do haiku xaponés. A súa escrita precisa un chisco de sensibilidade e capacidade de síntese. Verás nos tres arquivos como os compañeiros e as compañeiras pariron fermosas composicións! A delicada estampa xaponesa pertence tamén á colección do Museo do Prado.  

XOGO DE PISTAS

Imaxe
Esta actividade, que na materia de Lingua Castelá é presentada como un xogo de pistas, procura a integración de varios contidos traballados durante o curso. É un exercicio moi completo de reflexión e de expresión escrita arredor dun cadro, que asemade potencia a imaxinación e a creatividade. Os dous exercicios dos que saen mellor os creadores e creadoras de 1º de ESO A e C son, sen dúbida, o primeiro coa descripción e o terceiro coa valoración persoal. Aínda custa a composición imaxinativa dun relato que desbote os tópicos e os desenrolos esperables. Precisamos moita máis lectura nos tempos de ocio e menos dixitalización. O cadro traballado foi "Bordando el manto terrestre" da pintora catalana Remedios Varo. No primeiro arquivo podes observar as tres pistas e nos tres seguintes, por esta orde: as descricións, os relatos e as opinións.  

OPINA 1º DE ESO

Imaxe
Agora é a quenda dos máis cativos e cativas do noso instituto.  Como a lectura do terceiro trimestre foi El castillo ambulante , xa veredes polos seus comentarios que non resultou do agrado da maioría: moitas páxinas e ningunha ilustración! Haberá que dar un cambio sinalado o vindeiro curso para que a lectura sexa o máis pracenteira posible neste mundo dixital e tecnolóxico no que nos movemos. Complementariamente puidemos disfrutar a magnífica adaptación cinematográfica do cineasta xaponés Hayao Miyazaki. A imaxe que ilustra esta entrada pertence precisamente á película.  

AS EXPOSICIÓNS EN 1º DE ESO

Imaxe
Novamente foi durante o terceiro trimestre cando o alumnado de 1º de ESO A e C tivo que desenvolver unha indagación informativa arredor dun tema e, logo, dar a coñecer o produto final falando fronte aos seus compañeiros e compañeiras de clase. Traballamos, deste xeito, a oratoria desde a materia de Lingua Castelá ao tempo que aprendemos e rompemos coa rutina diaria porque cada alumno e cada alumna acaba convertido en mestre. Marta Barreiro Pérez (1º ESO A) elixiu o tema dos golfiños; Luna Regueiro Vuelta (1º ESO A) falounos da patinaxe; Raquel Bouzón Teles (1º ESO A) ilustrounos arredor das ninfas; e Paula González Mirou (1º ESO C) preferiu o fútbol sala. O cadro elixido de Pierre-Auguste Renoir leva por título "Patinadores no Bois de Boulogne".